A standarización é un proceso tanto sociopolítico e cuttural c•mo propiamente lingüístico, e constitúe unha cuestión central na política e a planificación lingüísticas. O lingüista Otto Jespersen referiuse ao xurdimento das linguas estándar como «o fenómeno máis importante na evolución da lingua en tempos históricos». Talvez por iso, a estandarización é tamén un dos fenómenos sociolingüísticos máis discutidos, comezando polo significado do propio termo e a valoración dos seus efectos, e incluíndo os debates arredor da súa natureza e alcance. É así que nas últimas décadas os estudos estandarolóxicos experimentaron unha expansión exponencial, unha diversificación extraordinaria e unha renovación impresionante.
Este volume recolle un feixe de traballos que teñen a súa Orixe nos relatorios presentados no Simposio «Estándar, norma e variación: procesos, problemas e perspectivas», organizado polo Instituto da Lingua Galega en 2021, coa colaboración do grupo de pesquisa que puxo en marcha o proxecto ESTANDAREV [La estandarización lingüística revisitada: mediatización, vernacularización e ideologías lingüísticas en la España contemporánea]. As linguas estudadas son: o galego, o portugués europeo e brasileiro, o catalán, o éuscaro e, colateralmente, o castelán. Os traballos que se recollen no volume ofrecen un estado da cuestión da estandarización, os seus problemas e as súas perspectivas, ofrecen olladas novidosas sobre os estándares e os procesos de estandarización e sinalan novas vías de investigación.